Xuño
16
Quedamos na estación de tren de Bemfica. Dous amigos que se admiran e tantean a posibilidade de coller xuntos o próximo tren. Comezamos a falar das cousas posibles e díxenlle que eu tiña unha canción. Estabamos na cafetería da estación, comecei a cantar Aló Irmao e el seguiume. Rimos, abrazámonos e entendemos que había que seguir cara adiante, que era por aí.
Aquí, en Tondela.
Xuño
15
Xa é véspera do primeiro concerto e, sen embargo, non hai tensión no ambiente. A certeza de que a xente que está a traballar no proxecto ten todo controlado prodúcenos unha sensación de enorme tranquilidade. Onte, cando Quique nos contaba un cambio que introducira no dispositivo de cámaras para a gravación de vídeo, ocurriuseme preguntarlle: “E montar iso vai levar moito tempo?”. “E a ti que che importa?”, espetoume el, cheo de razón. E iso é exactamente o que está a contecer. Toda esa xente, todas esas persoas concretas están a facer un magnífico traballo que nos permite non ter que preocuparnos máis que de tocar. Hoxe á noite, Quique convidounos a cear na súa casa. Foi unha boa idea pasar esta noite previa á gravación xuntos os músicos, o produtor e o técnico na intimidade dunha casa en vez de nun restaurante. Por certo, a calidade da cea confirma a sona de bo coiñeiro do noso anfitrión. A selección de cava e cabernet cataláns animou a conversa e deunos ese puntiño xusto para ir para cama e durmir ben, sen lle dar máis voltas ao día de mañá.
Xuño
15
Os nosos estilos musicais son tan diferentes que ao final conflúen nun punto, encaixan de maneira natural. Manecas tiña un camiño andado co público galego e eu tamén tiña experiencia previa con artistas africanos, as nosas traxectorias crúzanse en Pontevedra, da man de Uxía. Dalí xurdiu a primeira promesa, “un día temos que facer unha canción”, que se concretaría nun repertorio completo para un concerto conxunto no Salón Teatro de Santiago de Compostela, o 13 de xuño de 2008. O seguinte paso foi esta inesquecíbel visita a Maputo, en Mozambique. De Zigala a Zimambique, Ahoje é Ahoje.
Xuño
15
O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolle mañá e pasado a gravación ao vivo de Aló Irmao. Acompañaranos o percusionista mozambicano Celso Mahuie. Os concertos comezarán ás nove da noite e durarán algo máis de hora e media. Comezaremos cos nosos éxitos en solitario, contando quen é Narf e quen é Manecas Costa, para despois explicar quen somos os dous xuntos. É unha proposta sinxela, baseada nas guitarras, nas palabras e en facer encaixar todas as pezas.
A entrada é gratuita até completar aforo, porque o que queremos é construir Aló Irmao con todas as persoas que queiran vivir esta experiencia con nós. Queremos que a xente viaxe connosco a Guiné (Nigué Ssibau), a Galicia (Zigala), a ese lugar onde nos sentimos seguros, ao que voltamos para coller folgos. Queremos que veñades con nós no que duren os concertos a ese sitio no que non hai preocupación, onde só hai felicidade… Deixámosvos aquí a tarxeta de embarque para chegar ata aló.
Xuño
14
Hoxe comemos sós o Celso e máis eu, porque o Manecas foi á casa da nai de Suso o do Dazaseis comer coa Uxía, co Carlos e con outros amigos. Pola tarde, Celso e mais eu demos un paseo co can polo monte e, aínda que Quique nos convidara ao concerto de Sons da Diversidade, preferimos practicar algo cos instrumentos e relaxarnos na casa. Á noite xuntámonos co Manecas para a cea no Milladoiro, puxémonos ao día e retirámonos cediño a descansar. Mañá será outro día.
Xuño
13
Seguimos cos ensaios suaves. Hoxe tocamos sen cantar, para aforrar gorxas. Temos unha cita para comer Santiago con Tomás, Carmen, Vítor, Rosaura e a súa filla, Alba. Como non podía ser de otro xeito, a pequena é a protagonista da reunión. Senta nas pernas de Manecas, que a ten completamente seducida, e eu non me resisto a facerlle algunha das miñas grazas de clown ata que consigo que ría ás gargalladas. O Celso avisa de que vai facer maxia negra. Fai desaparecer o teléfono de Toño, pregúntalle en que mesa da terraza quere atopalo e, camareiro mediante, o celular aparece “milagrosamente” na mesa indicada. O truco é tan chapuceiro que todos rimos con ganas. Ao final, o camareiro entra no xogo e desafía a Celso. Dille que a súa maxia é máis poderosa e demóstrao co vello truco de facer desaparecer un cigarro na súa man para ilo recuperar máis tarde á orella do percusionista. Os risos en familia axúdannos co obxectivo do día, relaxarnos.
Xuño
12
Hoxe foi día algo máis relaxado nos ensaios. Procuramos cantar máis amodiño e comezamos a tomar mel. Hai que reservar as voces para o martes e para o mércores. Chegou o amigo Hugo Torres coa tina do tambor de auga de Manecas decorada por Marta Pazos cunhas pinturas fermosísimas de estilo afro. Contou coa axuda de Sandra do Camalea, que trouxo dende Zimbawe os panos nos que se inspirou. Manecas está encantado co resultado e os tres admiramos o toque fermoso que supón.
Pola noite, Quique apareceu con Antón, ese encantador híbrido de galego e alemán. Foi emocionante, porque non sabíamos que estaba en Galiza e non esperábamos que puidese vir ós concertos. Enchemos a cea de anécdotas de músicos viaxeiros. Manecas falounos da casa de Peter Gabriel e de cando estivo no Festival Mundial da Xuventude de Pyongyang, que tardou varios días en enterarse de que a saborosa carne que comía era de can. Celso contou como o seu compañeiro de música, estando en Hong Kong, apañou do buffette comida dunha fonte que poñía frog e, cando lle preguntaron se comía rá, contestou que aquelo non era sapo, pois el podía ler perfectamente inglés e era evidente que se trataba de frogue. E así, entre risos, decidimos premiarnos cun chupito antes de ir para a cama.
Xuño
11
Desperto cedo, coa música soando na cabeza. Vou directo para a sala, collo a guitarra e comezo a improvisar, a probar cousas que poderían encaixar. Aparece Manecas, colle a súa guitarra e únese ao xogo. Cando nos damos conta, sen pensalo, estamos tocando cancións de Aló Irmao. Sae o Celso da cociña co seu almorzo e séntase diante de nós. Tamén anda por aí meu pai, que veu sulfatar a horta. Pensamos que non nos fai moito caso até que ouvimos alto e claro o seu comentario crítico: “Están ben harmonizadas esas voces!”…
Á tarde chega Toño, o noso técnico. Mentres nós tocamos e discutimos arranxos e solos, el manexa con teimosía e precisón os botóns dos seus aparellos. A música adquire uns matices e unhas sonoridades que nos fan sentir aínda máis cómodos con este traballo apaixoante no que andamos envoltos. Son xa case as dez da noite cando imos para o Milladoiro cear, esta vez acompañados por Toño. Hoxe Quique incorpórase máis tarde e, como cada noite, facemos balance diante dun bo viño e dunha boa cea.
Xuño
10
A choiva resísitese a deixarnos. Hoxe toca pasar por Nordesía para arreglar asuntos administrativos. Todos nos reciben con cariño e somos conscientes de cantos esforzos lle dedican ao proxecto Isabel, María Galdón, María Mariño, Sonia, Rosa, Natalia… Tomás e Quique resolven as cuestións pendientes e aínda temos tempo de ir tomar un café con eles antes de volver onda María no Milladoiro para xantar.
A tarde váisenos nun ensaio intenso, no que todo vai collendo forma. Á noite ceamos con Quique, como empeza a ser tradición, e falamos dos muros que se están a construir nesta Europa rica para protexerse do asalto dos pobres. Como mostra, as dificultades que houbo que vencer para conseguir o visado (o visto, que din Manecas e Celso) para que o noso timbilista favorito puidese vir participar na gravación. Chegamos á mesma convicción que noutras conversas sobre estes temas: Aló Irmao é un proxecto necesario nestes tempos nos que na vella Europa medran as mensaxes xenófobas á sombra da ignorancia e da mediocridade.
Xuño
9
Montamos unha expedición ata Estudio 54, ese depósito de tesouros para os músicos que agocha o ensanche. Necesitamos algún instrumento, cordas, afinadores… Xa alí, Manecas colle unha guitarra e comeza a tocar e a cantar temas propios. Todos gozamos da intimidade do concerto, todos, pero quen máis o vive é Richard, fundador, motor, alma e razón de ser da tenda e grande amigo dos músicos de Compostela. Ao final, por pouco non saimos coa tenda ao lombo. Richard cédenos de balde todo o que fomos buscar e mesmo algunha guitarra extra, a cambio do improvisado recital de Manecas… Este Aló Irmao está cheo de sorpresas. Nós plantamos a semente, pero non deixan de aparecer mans dispostas a axudar!
Os ensaios van collendo ritmo. Cada vez hai máis temas que teñen os arranxos perfilados. O ambiente non pode ser mellor.


