Acerca de
Aló Irmao é o encontro creativo de dous artistas de traxectorias ben distintas que se atoparon nun camerino e sentiron un magnetismo musical inmediato. “Un día temos que facer unha canción”, prometéronse. Daquel primeiro encontro xurdiu un repertorio completo composto a catro mans, a medio camiño entre Compostela e Lisboa.
O disco de Aló Irmao gravarase ao vivo no Teatro Principal de Santiago de Compostela os días 16 e 17 de xuño de 2009 e contará coa participación do percusionista mozambicano Celso Mahuie. O concerto é un reflexo simbólico do seu encontro. É unha proposta sinxela, baseada nas guitarras, nas palabras e en facer encaixar todas as pezas. “O concerto é unha viaxe que parte do que fomos, pasa polo que somos e nos leva cara ao que hemos ser”, explica Narf. “Queremos que a xente viaxe connosco a Guiné (Nigué Ssibau), a Galicia (Zigala), ao ese lugar onde nos sentimos seguros, ao que voltamos para coller folgos”, apunta Manecas. “Queremos”, concluen, “que veñan con nós no que dure o concerto a ese lugar no que non hai preocupación, onde só hai felicidade”.

