Xan
12
Taratataaa!
Filed Under Banda deseñada | Leave a Comment
(preme na imaxe para ampliar)
Nunha crítica do noso concerto no Teatro Castro Alves de Salvador de Bahia, publicada no xornal A Tarde por Thiago Fernandes, este dicía que conseguimos transportar ao público a “um lugar muito bonito e sobre tudo familiar e acolhedor”. É un cumprido co que quedamos ben satisfeitos. Esa viaxe a un lugar acolledor é parte indispensable de Aló Irmao, e queremos compartila con vós non só a través da música.
Mentres preparamos a edición do disco, imos engadindo patas novas ao proxecto: queremos falar dese encontro musical entre Guiné Bissau e Galiza tamén cun traballo audiovisual e cunhas tiras de banda deseñada que agora vos amosamos. Xavier Belho, que tamén está traballando no vídeo documental e é o autor das nosas fotos, está a tirar proveito de todo o material noso co que conta para transformalo nestas páxinas de cadriños das que xa podedes ver a primeira. Pouco a pouco iremos traendo a esta web novas mostras. Agardamos que vos gusten!
Xan
5
No Brasil (II): Bahia, Jequié, São Paulo e para rematar… de novo Bahia
Filed Under Caderno de bitácora | Leave a Comment
Como contabamos na anterior entrada desta bitácora, a nosa estadía no Brasil estivo chea de momentos emocionantes, no musical e no persoal. Algúns deles están relacionados co obradoiro de percusión que impartimos na Casa da Música de Itapuá, a 20 quilómetros de Salvador de Bahia. Ese encontro cunha ducia de percusionistas estivo cargado dunha química moi especial. Era xente experimentada que ficou abraiada cando Manecas lles ensinou o tambor de auga e os ritmos de Guiné. Manecas viviu a intensa experiencia de sorprender aos músicos do Brasil coas tradicións do seu país. Ademais, a paisaxe natural e humana de Bahia recordáballe a Guiné-Bissau, o que o facía soñar con que nuns anos o seu pequeno país puidese ter o mesmo nivel de desenvolvemento.
O curso formaba parte da programación do Mercado Cultural de Bahia. Ese mesmo proxecto levounos a actuar nunha cidade do interior do estado, Jequié, onde a pesar de vivir máis de cen mil persoas, non é habitual a programación de concertos de músicos de fóra. Volvemos ficar sorprendidos, porque se antes comprobamos que a nosa música conectaba con programadores e músicos, agora viamos que tamén o facía co público popular, que rapidamente entrou na nosa dinámica.
Aínda nos agardaba outro concerto ben diferente en São Paulo. No Centro Cultural da capital económica e artística de Sudamérica, gozamos de novo do calor do público. Contamos cunha nutrida presenza de estudantes guineanos. Manecas avisara á embaixada do seu país do noso concerto e alí se presentaron un bo feixe de mozos que seguían no Brasil os seus estudos superiores, xa que en Guiné non hai universidade. Non é de estrañar que, se xa toda a viaxe foi emocionante, este concerto fose para Manecas aínda máis especial. E tamén para min: coa frase “Temos que levar ao Señor Narife para Guiné”, algúns propoñían a miña adopción…
O colofón da viaxe, a guinda que coroa o pastel, foi o concerto en Bahia. O 4 de decembro actuamos no espléndido Teatro Castro Alves, un concerto final cun momento estelar: ese no que a ducia de percusionistas baianos aos que impartimos o obradoiro se uniron a nós no escenario para interpretar “Quero ser tambor”. A maneira máis acaida de poñer fin a unha xira marcada pola calidez musical e humana. Unha xira que deixou as portas abertas a novas visitas a América do Sur e á que tanto Manecas como eu lle tiramos bo proveito creativo: el compuxo varios temas que xa estreou coa súa banda en Guiné, e eu tamén parín cancións novas que pronto vos ensinarei.



