Decembro
29

Unha das experiencias que máis nos encheron no último ano foi a nosa pequena xira polo Brasil: en tres semanas entre novembro e decembro percorremos Salvador de Bahia, Porto Alegre, São Paulo e Jequié, e fixemos unha pequena escala en Bos Aires. Foi unha correría de avións que ben valeu a pena para gozar da calidez do Brasil, no climático e no afectuoso. Como tiven a ocasión de explicar onte nunha entrevista en La Voz de Galicia, a experiencia brasileira serviunos para comprobar que a música que facemos vale para ser escoitada en Galiza e en calquera outro lugar.
A viaxe partiu de Castellón, onde o 13 de novembro participamos no festival Los Sonidos de la Biodiversidad. De alí saltamos a Bahia, onde dedicamos un par de días a aclimatarnos ao clima e o ritmo tropical, e a coller un pouco de cor antes de desenfundar a guitarra e o tambor de auga. O noso primeiro concerto foi ben máis ao sur, en Porto Alegre. Alí participamos na xornada inaugural da primeira Feira da Música do Sul. Diante dun público formado sobre todo por programadores e músicos, o noso debut brasileiro resultou un éxito, o cal non deixou de sorprendernos. Polo que logo indagamos, o que máis chamou a atención dos que nos viron foi que percibiron a harmonía entre Manecas e mais eu, por conseguir mesturar as nosas músicas e ao mesmo tempo manter a personalidade e o estilo de cada un. Que mellor alago que ese!
En Bos Aires fixemos unha paréntese na xira brasileira para participar no BAFIM. Na sección off desta feira compartimos escenario con Uxía nunha presentación organizada por Nordesía. Ela abriu o espectáculo con Paulo Borges ao piano, meteu o público no peto e deixóunolo a ton para que a xente deixase as análises musicais para outro día e entrase de cheo na maxia emocional do concerto. E todo isto en La Trastienda, o local musical de referencia na capital arxentina, crédito suficiente para que os taxistas da cidade te tomen en serio como músico.
De Bos Aires volvemos a Bahia, pero non para un concerto. Ficamos dous días en Itapuã, á beira da mítica praia na que Toquinho e Vinícius aconsellaban pasar a tarde ao sol. Pero nós non fomos alá a folgar, senón a impartir un obradoiro de percusión nunha terra chea de percusionistas. Pero esta é unha historia que vos contaremos… outro día.
Comentarios
One Response to “No Brasil (I): Porto Alegre, Bos Aires e Bahia”
Leave a Reply


Para cando o álbume á venda? encantádesme pero só podo escoitarvos mediante o myspace.