Había xa tempo que non pasabamos por aquí. Logo de contarvos case ao día o proceso de gravación do disco de Aló Irmao ao vivo no Teatro Principal de Compostela, tomamos un pequeno descanso neste caderno de bitácora. Pero o proxecto non descansou: neste medio ano estivemos entre Galiza e Guiné, paramos en Lisboa, en Málaga, en Castellón, no Brasil… e agora volvemos a este espazo virtual para darvos conta dos pasos cos que camiña esta aventura que compartimos Fran e Manecas.

Despois das dúas noites no Principal, fixemos varios concertos por Galiza e algún que outro fóra. En agosto puxémonos a traballar no disco: quedamos satisfeitos do resultado das gravacións, pero era necesario facer algúns axustes para mellorar o son. Así que nese mes Toño veu con frecuencia a casa para preparar o material antes de levalo a mesturar. Cousas das gravacións en directo (e máis se tamén se grava en vídeo): o son entra por todos os micros e cólanse sen permiso ruídos de máquinas, a cámara facendo un travelling… pequenas pegas que Toño se dedicou a corrixir, para chegar á fase de mestura co material xa ordenado. Mesturamos en Vigo, e en setembro xa contabamos cunha premestura para levar como material promocional ás feiras e mercados musicais que visitamos no outono: Vic, Womex, Bafim… En outubro viaxamos a Madrid para facer a masterización. Desde Lisboa, Manecas segue con atención todo o traballo en estudio.

Ao tempo que avanzamos na edición, comezamos a preparar a parte audiovisual. Xavier e máis eu estamos a traballar nun documental sobre o proxecto e a gravación. Mentres o material vai tomando forma, montamos as primeiras cancións en vídeo para incorporar nos soportes promocionais. Tamén montou este vídeo introdutorio que está aí arriba, unha boa maneira de abrir o apetito da nosa música… Gústame traballar con Xavier: encargouse desde o principio da parte gráfica do proxecto e non deixa de achegar paixón, compromiso e ideas. Niso non é o único: Xavier, Quique, Toño, a xente de Nordesía… está claro que Aló Irmao non é cousa de dous.

Comentarios

One Response to “De novo aquí”

  1. marina on Decembro 22nd, 2009 4:59 pm

    mmm que gustinho dá sentir que as coisas que se prantan van medrando…así, coma uma fontinha que cando te achegas a ela e bebes, esa auga lévate a outros mares…sabes e sábeche a eternidade.longa vida para Aló Irmaó!abraço sempre

Leave a Reply