Aló Irmao ao vivo en Compostela

Onte a cita no Pricipal non foi ata as seis e media, porque todo estaba probado e listo de antonte. Aínda así, quixemos ver de tirar máis partido do monitorado, sen cruzar as liñas vermellas do risco para a gravación. Como sempre, Toño fixo a súa maxia e logrou que nos sentiramos absolutamente cómodos no escenario. A segunda noite estabamos menos contraídos, menos presionados pola gravación, máis comunicativos o un co outro… e gozamos o concerto sen inhibicións. O público, que encheu o teatro por segunda noite consecutiva, captouno e levounos en volandas cos seus silencios cómplices e coa súa participación afervoada.

Ao remate, emocionados, recollemos as nosas cousas e fomos cear ao Dezaseis con toda a equipa menos algúns técnicos que aínda tiñan traballo . Suso repartiu bicos e abrazos e, claro, abroncounos por chegar tan tarde. Abrúmanos o nivel de implicación de toda esta xente con Aló Irmao, alén das súas obrigas profesionais… Despois da cea Manecas, Celso, Quique, Xabier, Isabel e eu mesmo expresamos en voz alta o que nos anda por dentro: orgullo, satisfacción e agradecemento.

E, como non podía ser doutro xeito, despois fomos todas e todos tomar unhas copas ás Crechas. Era noite de foliada e o Manecas aínda tivo o aranque de ir para o escenario, agarrar unha guitarra e regalarnos un par de cancións. Por alí andaban unha chea de amigos: Vítor, Antón o alemán, John, Marina e Ramón, Uxía (esa admirada estrela que propiciou que nos encontraramos), o Carreira… Manecas saía (xa) hoxe ás dez para Lisboa, pero custounos despedirnos de tantos amigos e amigas. Era unha boa hora da madrugada cando arrancamos para casa.

Estamos contentos. Os soños poden volverse realidade e imos ter que ter coidado co que soñamos.

Comentarios

Leave a Reply