Hoxe levántamonos tarde e pasamos a mañá charlando tranquilamente. O Celso, como sempre, envolveunos co seu bo humor. A media mañá veu a furgoneta recoller os trebellos para levalos ao teatro. Comemos cedo, pouco despois da unha e media, para poder relaxarnos un pouco na casa antes de saír para alá. Despois, cargamos os instrumentos no meu coche, collemos a roupa do concerto e saímos cara ao Principal.

Chegamos antes da hora prevista para o comezo das probas e impresiónanos a cantidade de xente que está a traballar no asunto: técnicos de iluminación, de son, de gravación, cámaras, realizador… Deixamos os instrumentos e agardamos a que rematen os preparativos. A proba resulta ser moito menos complicada do que esperabamos. Todo funciona e Toño vai fixando as cousas con axilidade e dános tempo a axustar todo e a probar algúns temas. María Galdón exerce, como sempre, con dozura e firmeza a un tempo, o seu cometido de xefa de escenario, mentres Isabel anda de un lado para outro atenta a nin sei cantas cousas. Finalmente, maquillaxe, algunha entrevista de última hora e relax no camerín, con algunha que outra chanza. Nunha destas, atopo a Quique nun dos cameríns, pasándolle o ferro á casaca do Celso e, segundo el, “dándolle unha lección práctica de pranchado”. O certo é que a presencia deste tipo nos dá a todos unha enorme confianza e a sensación de que alguén está velando para que todo vaia segundo o previsto.

Chega a hora. Saímos ao escenario nun Teatro Principal ateigado de xente que nos recibe con unha ovación que nos fai pensar se xa rematou o concerto. Primeiros acordes, todo comeza a fluir suave e como con vida propia. A calor do público vainos levando en volandas de tema en tema, nesta viaxe que comeza perdendo un tren e remata cantando ao anxo que nos proporcionou a Manecas e a min as cousas bonitas da vida, incluindo Aló Irmao e esta experiencioa de sentirse querido e espoleado por un público que só se pode describir como marabilloso.

E remata o concerto. Ao volver para os cameríns somos asaltados por un bo feixe de amigos que nos abrazan, nos felicitan e nos agradecen as emocións experimentadas. En momentos así, un decátase de que o traballo e o esforzo están sobradamente compensados. Son as once e media e aínda queda o repaso crítico do concerto entre músicos, produtor e técnico de son. Estamos contentos, mais non nos conformamos. Todo pode mellorar.

Mañá máis. E mellor!

Comentarios

Leave a Reply