Onte pola tarde chegou o momento. Quedei na casa con Toño e con Quique para escoitar, por fin, as gravacións Principal. Custábame dominar a ansiedade. Mentres Toño manipulaba o ordenador, eu senteime en fronte de Quique, para interpretar os seus acenos. Ao principio, só transmitía concentración, inexpresivo como un xogador de póker. Pero cando acabamos de escoitar cada tema dos dous concertos e comezamos a facer a crítica, pronto queda claro que os tres compartimos criterios e que nos inclinamos polas mesmas versións. Escoitámolos varias veces e cada vez estamos máis contentos, a calidade do son é moi boa e as interpretacións quedaron como esperabamos. Rematamos a escolla dos temas antes do previsto, absolutamente relaxados e felices. “Temos un discazo“, di Quique. E o certo é que eu tamén estou moi satisfeito co resultado. Manecas está fai a súa escoita en remoto, alá na súa casa lisboeta, pero non dubido que estará dacordo con nós. Recompensamos o traballo feito cun churrasco no Mesón Milladoiro, onde María nos coidou durante os ensaios, e rematamos a noite cunhas copas na casa de Quique, escoitando oldies goldies.

Més lluny, heu d’anar més lluny
dels arbres caiguts que ara us empresonen,
i quan els haureu guanyat
tingueu ben present no aturar-vos.

O xoves pola mañán veu Tomás a recoller a Manecas para levalo para Lisboa. O Celso e máis eu aínda tivemos tempo de encontrarnos cos amigos o xoves e o venres para despedirnos. O sábado collemos o coche e tiramos para Lisboa, deixándonos acompañar pola música do xenial Llluis Llach e pensando na nosa Ítaca particular e en como sortear os obstáculos do camiño…

O Celso marchou o luns para Mozambique e eu teño saudade do sentido do humo e da alegría constante deste outro irmao africano. Sentáronme ben estes días de descanso, refuxiado na casa e no agarimo de Catarina, pero chegou o momento de volver para Compostela e atender a convocatoria de Quique. O noso produtor quere quedar o vernes para escoitar a gravación con Toño e comezar a tomar as primeiras decisións de escolla de versións entre os dous concertos. Empezo a estar un pouco ansioso por enfrontarme ao que está rexistrado, pero estes días de descanso eran absolutamente necesarios.

Agora comeza a fase definitiva da postprodución e xa pronto teremos o disco ansiado.

Aló Irmao ao vivo en Compostela

Onte a cita no Pricipal non foi ata as seis e media, porque todo estaba probado e listo de antonte. Aínda así, quixemos ver de tirar máis partido do monitorado, sen cruzar as liñas vermellas do risco para a gravación. Como sempre, Toño fixo a súa maxia e logrou que nos sentiramos absolutamente cómodos no escenario. A segunda noite estabamos menos contraídos, menos presionados pola gravación, máis comunicativos o un co outro… e gozamos o concerto sen inhibicións. O público, que encheu o teatro por segunda noite consecutiva, captouno e levounos en volandas cos seus silencios cómplices e coa súa participación afervoada.

Ao remate, emocionados, recollemos as nosas cousas e fomos cear ao Dezaseis con toda a equipa menos algúns técnicos que aínda tiñan traballo . Suso repartiu bicos e abrazos e, claro, abroncounos por chegar tan tarde. Abrúmanos o nivel de implicación de toda esta xente con Aló Irmao, alén das súas obrigas profesionais… Despois da cea Manecas, Celso, Quique, Xabier, Isabel e eu mesmo expresamos en voz alta o que nos anda por dentro: orgullo, satisfacción e agradecemento.

E, como non podía ser doutro xeito, despois fomos todas e todos tomar unhas copas ás Crechas. Era noite de foliada e o Manecas aínda tivo o aranque de ir para o escenario, agarrar unha guitarra e regalarnos un par de cancións. Por alí andaban unha chea de amigos: Vítor, Antón o alemán, John, Marina e Ramón, Uxía (esa admirada estrela que propiciou que nos encontraramos), o Carreira… Manecas saía (xa) hoxe ás dez para Lisboa, pero custounos despedirnos de tantos amigos e amigas. Era unha boa hora da madrugada cando arrancamos para casa.

Estamos contentos. Os soños poden volverse realidade e imos ter que ter coidado co que soñamos.

Hoxe levántamonos tarde e pasamos a mañá charlando tranquilamente. O Celso, como sempre, envolveunos co seu bo humor. A media mañá veu a furgoneta recoller os trebellos para levalos ao teatro. Comemos cedo, pouco despois da unha e media, para poder relaxarnos un pouco na casa antes de saír para alá. Despois, cargamos os instrumentos no meu coche, collemos a roupa do concerto e saímos cara ao Principal.

Chegamos antes da hora prevista para o comezo das probas e impresiónanos a cantidade de xente que está a traballar no asunto: técnicos de iluminación, de son, de gravación, cámaras, realizador… Deixamos os instrumentos e agardamos a que rematen os preparativos. A proba resulta ser moito menos complicada do que esperabamos. Todo funciona e Toño vai fixando as cousas con axilidade e dános tempo a axustar todo e a probar algúns temas. María Galdón exerce, como sempre, con dozura e firmeza a un tempo, o seu cometido de xefa de escenario, mentres Isabel anda de un lado para outro atenta a nin sei cantas cousas. Finalmente, maquillaxe, algunha entrevista de última hora e relax no camerín, con algunha que outra chanza. Nunha destas, atopo a Quique nun dos cameríns, pasándolle o ferro á casaca do Celso e, segundo el, “dándolle unha lección práctica de pranchado”. O certo é que a presencia deste tipo nos dá a todos unha enorme confianza e a sensación de que alguén está velando para que todo vaia segundo o previsto.

Chega a hora. Saímos ao escenario nun Teatro Principal ateigado de xente que nos recibe con unha ovación que nos fai pensar se xa rematou o concerto. Primeiros acordes, todo comeza a fluir suave e como con vida propia. A calor do público vainos levando en volandas de tema en tema, nesta viaxe que comeza perdendo un tren e remata cantando ao anxo que nos proporcionou a Manecas e a min as cousas bonitas da vida, incluindo Aló Irmao e esta experiencioa de sentirse querido e espoleado por un público que só se pode describir como marabilloso.

E remata o concerto. Ao volver para os cameríns somos asaltados por un bo feixe de amigos que nos abrazan, nos felicitan e nos agradecen as emocións experimentadas. En momentos así, un decátase de que o traballo e o esforzo están sobradamente compensados. Son as once e media e aínda queda o repaso crítico do concerto entre músicos, produtor e técnico de son. Estamos contentos, mais non nos conformamos. Todo pode mellorar.

Mañá máis. E mellor!

“Xa nos primeiros ensaios sairon cousas bonitas, frases que nos namoraron máis o un do outro. Tocar xuntos ben de xeito inmediato encaixaba, como se tiveramos tocado as músicas cen veces. Realmente hai unha maixa, unha química”.

Quedamos na estación de tren de Bemfica. Dous amigos que se admiran e tantean a posibilidade de coller xuntos o próximo tren. Comezamos a falar das cousas posibles e díxenlle que eu tiña unha canción. Estabamos na cafetería da estación, comecei a cantar Aló Irmao e el seguiume. Rimos, abrazámonos e entendemos que había que seguir cara adiante, que era por aí.
Aquí, en Tondela.

Xa é véspera do primeiro concerto e, sen embargo, non hai tensión no ambiente. A certeza de que a xente que está a traballar no proxecto ten todo controlado prodúcenos unha sensación de enorme tranquilidade. Onte, cando Quique nos contaba un cambio que introducira no dispositivo de cámaras para a gravación de vídeo, ocurriuseme preguntarlle: “E montar iso vai levar moito tempo?”. “E a ti que che importa?”, espetoume el, cheo de razón. E iso é exactamente o que está a contecer. Toda esa xente, todas esas persoas concretas están a facer un magnífico traballo que nos permite non ter que preocuparnos máis que de tocar. Hoxe á noite, Quique convidounos a cear na súa casa. Foi unha boa idea pasar esta noite previa á gravación xuntos os músicos, o produtor e o técnico na intimidade dunha casa en vez de nun restaurante. Por certo, a calidade da cea confirma a sona de bo coiñeiro do noso anfitrión. A selección de cava e cabernet cataláns animou a conversa e deunos ese puntiño xusto para ir para cama e durmir ben, sen lle dar máis voltas ao día de mañá.

Os nosos estilos musicais son tan diferentes que ao final conflúen nun punto, encaixan de maneira natural. Manecas tiña un camiño andado co público galego e eu tamén tiña experiencia previa con artistas africanos, as nosas traxectorias crúzanse en Pontevedra, da man de Uxía. Dalí xurdiu a primeira promesa, “un día temos que facer unha canción”, que se concretaría nun repertorio completo para un concerto conxunto no Salón Teatro de Santiago de Compostela, o 13 de xuño de 2008. O seguinte paso foi esta inesquecíbel visita a Maputo, en Mozambique. De Zigala a Zimambique, Ahoje é Ahoje.

Cartaz

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolle mañá e pasado a gravación ao vivo de Aló Irmao. Acompañaranos o percusionista mozambicano Celso Mahuie. Os concertos comezarán ás nove da noite e durarán algo máis de hora e media. Comezaremos cos nosos éxitos en solitario, contando quen é Narf e quen é Manecas Costa, para despois explicar quen somos os dous xuntos. É unha proposta sinxela, baseada nas guitarras, nas palabras e en facer encaixar todas as pezas.

A entrada é gratuita até completar aforo, porque o que queremos é construir Aló Irmao con todas as persoas que queiran vivir esta experiencia con nós. Queremos que a xente viaxe connosco a Guiné (Nigué Ssibau), a Galicia (Zigala), a ese lugar onde nos sentimos seguros, ao que voltamos para coller folgos. Queremos que veñades con nós no que duren os concertos a ese sitio no que non hai preocupación, onde só hai felicidade… Deixámosvos aquí a tarxeta de embarque para chegar ata aló.

Hoxe comemos sós o Celso e máis eu, porque o Manecas foi á casa da nai de Suso o do Dazaseis comer coa Uxía, co Carlos e con outros amigos. Pola tarde, Celso e mais eu demos un paseo co can polo monte e, aínda que Quique nos convidara ao concerto de Sons da Diversidade, preferimos practicar algo cos instrumentos e relaxarnos na casa. Á noite xuntámonos co Manecas para a cea no Milladoiro, puxémonos ao día e retirámonos cediño a descansar. Mañá será outro día.

Next Page →